'Lingoa sen maos' o nacionalismo defensivo e crítico a prosa pública de Uxío Novoneyra
Uxío Novoneyra Rei
2010
Boletín da Real Academia Galega
Esta leitura trata sobre unha cara de Uxío non tan coñecida, e case inaccesible en parte, polo menos ate iste ano, que xa o é: A prosa. Esta produción prosística enmárcase, case por completo, nas dúas últimas décadas da súa vida e coincide, inda que nalgúns casos non é causa directa, co período de tempo no que il presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o cal, cun breve lapso, abarca as dúas ultimas décadas da súa vida, que case se solapa coas dúas ultimas décadas do século.
more »
... A falla de coñecemento quizabes ten a súa causa no ser unha prosa feita para a súa comunicación oral, verbas escritas pre ser ditas, e que conseguiron a súa finalidade primeira, ao ser levadas a centos de lugares de Galicía: a actos reivindicativos da lingua, da cultura e así, directa ou indirectamente, da Galicia, patria e nación, do noso pobo; e tamén a actos políticos de toda caste, recitais aos estudantes, actos para a mocidade, verbas para os sectores sociais, muitos deles desfavorecidos, a maior parte, no senso de maltratados polos poderes; xunto a pregóis, presentacións e louvanzas e festas populares. A día de hoxe xa non só están rexistradas no recordo, senón que se pode acceder a elas, nunha parte, nos catro libros que durante o ano 2010 escolmaron un primeiro grande continxente delas: os dous tomos chamados "Celebración de Novoneyra" I e II, estudos levados a cabo polo Instituto Ramón Piñeiro, dirixidos por Luís Cochón e Luís Alonso Girgado; o "Home e Terra" de Xosé Lois García e o "Gran Lugo de Nebra" de María Pilar García Negro, ademais dos arquivos de onde se nutriron estas obras. Integraremos eiquí, e tamén como prosa, e de igual xeito, con ise compoñente oral gravado, impreso; inda que só de xeito accesorio, coma remate, dada a súa diferente morfoloxía, o libro Dos soños teimosos, libro da propia autoría de Uxío en colaboración co estudoso Emilio Araúxo, o cal podería ser definido como unha entrevista-ensaio cunha finalidade testamentaria. Quizabes é a autopoética e a autobiografía final que íl deixou para que o fora, xunto a súa obra, "pra retiro final indefinido" 1 que el dí do cabaleiro Don Roldán no Ámeto mítico, Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago i outras rotas.
doi:10.32766/brag.371.359
fatcat:jgajpocvcnekhjjjtucl3a23ua