Lorenzo Varela, home de América
Xosé Neira Vilas
2005
Boletín da Real Academia Galega
Os que fomos amigos de Lorenzo Varela, os que o tratamos por anos, sobre todo en Buenos Aires, sabemos e podemos dar fe de que sen deixar de ser un home fondamente galego, raigalmente galego en ideas e sentimentos, reflectidos na súa intensa obra poética, foi ao mesmo tempo un home de América. E non só porque dos sesenta e dous anos da súa fecunda existencia residiu e traballou corenta e cinco na outra banda do Atlántico, senón porque se integrou profunda e entrañablemente na cultura americana.
more »
... Por iso dicimos que era tamén un home de América. A todos nos acontece, en maior ou menor medida, que tras residir noutras terras xa nunca máis seremos dun só lugar. E temos cando menos dúas patrias. Milleiros de galegos, emigrantes ou exiliados, vivimos con toda naturalidade esa especie de bigamia. Ese amor dobre e compatible. Lorenzo ve a primeira luz en Cuba. A luz esplendorosa do Caribe. Seus pais retornaran con el a Galicia cando tiña só uns poucos meses, pero algún reflexo quedaría nel, e dende logo quedou unha curiosidade perenne pola illa que circunvalou o navegante tudense Sebastián de Ocampo nos comezos do século XVI. Por iso cando sae da capital mexicana en 1941 rumbo a Buenos Aires, detense uns días na Habana, e percorre parques e rúas e vai ao porto, coma se quixese atoparse co vapor La Navarra, onde lle cadrara nacer vinte e cinco anos antes. Santiago Álvarez, aquel seu compañeiro do Quinto Rexemento ás ordes de Enrique Líster, era o seu guía na cidade. Un home de América polas vivencias dunha parte da súa infancia e adolescencia no barrio bonaerense de Nueva Pompeya, que o acolleu entre os catro e os quince anos, nos que aprendeu un castelán riopratense, xogou cos do seu tempo, batuxou nas augas do Riachuelo, abrollou nel o sexo e sentiu os primeiros namoros, divertiuse nos carnavais, estudou, cantou e bailou tangos de moda, entrou nas canchas de fútbol, e seguramente foi "hincha" do equipo de San Lorenzo de Almagro. En fin, converteuse nun rapaz porteño, nun porteño máis, sen esquecer as primeiras falas nin a lembranza que deixara nel a aldea monterrosina de Fufín. Lorenzo Varela, que viviu os tempos gloriosos de Carlos Gardel, Azuzena Maizani, Tita Merello, Agustín Magaldi e outras estrelas do tango; que viu como este baile foi deixando os baixos fondos das aforas e entrando nos salóns da cidade, e admirou a linguaxe das letras escritas por Enrique Santos Discépulo en títulos como "Cambalache", "Yira, yira", "Malevaje" era natural que se sentise porteño. Sendo un poeta, un traballador agudo da palabra, era normal que naquel medio se adentrase no lunfardo e que coñece-
doi:10.32766/brag.366.268
fatcat:vcy56an4cfezpgghqbzkypcysq